Coñécese como moeda bizantina a moeda utilizada na parte oriental do Imperio Romano logo da caída de Roma en 476, con base en dous tipos principais: o sólido, de ouro, que pasa a ser chamado nomisma (o grego substitúe o latín como lingua da Administración), e diversas pezas de bronce. A moda de prata, ausente no inicio do Imperio Bizantino por mor da dificultade de fixar a súa paridade co ouro, fixo a súa aparición a finais do imperio.[1][2]
Este sistema monetario, no que o nomisma ou sólido bizantino será substituído polo hyperpyron baixo Aleixo I Comneno, continuou cunha relativa estabilidade ata a caída de Constantinopla, en 1453, coa excepción da derradeira etapa do imperio, cando a desvalorización da moeda de ouro obrigou a substituír a moeda deste metal polas de prata e a crear novos valores de cobre.[3]
Logo da súa creación, no período de Constantino I, o sistema foi reformado en varias ocasións. As principais reformas foron as de Anastasio I (491-518), Aleixo I (1081-1118) e Andrónico II (1282-1328).[4][5]